Thursday 02 de May de 2024

A Xunta premia á Asociación Bando de Alimentos Rías Altas co galardón “Galicia Acción Voluntaria” do ano na categoría de entidade


— O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución destes premios dotados con 4000 euros e que tamén recoñecen accións individuais e proxectos

— Na categoría individual a persoa premiada foi José Ramón Miguéns Dieste, mentres que o galardón ao mellor proxecto foi para a FAXPG pola eliminación do illamento social das persoas xordas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da segunda edición dos premios Galicia Acción Voluntaria. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá as instalacións na Coruña da Asociación Banco de Alimentos Rías Altas que resultou gañadora deste galardón na modalidade de entidade polo seu traballo en axudar ás persoas máis vulnerables ao longo do ano, e especialmente durante a pandemia.

Na modalidade de persoa individual o premio irá para José Ramón Miguéns Dieste pola súa traxectoria na participación en diferentes áreas de actuación no ámbito do voluntariado, incluído o voluntariado europeo. Na categoría de proxectos o premio é para a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) polo seu servizo de voluntariado para a eliminación do illamento social e comunicativo das persoas xordo cegas e persoas xordas en situación de exclusión social.

A directora xeral agradeceu o traballo levado a cabo polo Banco de Alimentos, así como polo resto de accións premiadas, e sinalou que Galicia segue a ser unha das comunidades máis solidarias a nivel estatal ao contar cunha gran rede de entidades e voluntarios axudan a facer de Galicia un mellor lugar no que vivir.

De feito, lembrou que na actualidade hai máis de 1.070 entidades e preto de 45.000 persoas voluntarias inscritas no rexistro oficial da Xunta de Galicia. Os premios Galicia de Acción Voluntaria naceron no pasado ano para premiar a colaboración e solidariedade amosada por distintos colectivos ante a emerxencia sanitaria da covid-19 e para visibilizar todo o labor altruísta existente na comunidade. Cada un dos galardóns está dotado de 4000 euros.

Primeira edición
Na primeira edición deste certame, cuxa entrega de galardóns se celebrou en decembro de 2020, o premio á voluntaria ou voluntario do ano foi para Sofía Prol Rodríguez, moza santiaguesa que realiza unha intensa acción voluntaria en distintos ámbitos; o premio á entidade de acción voluntaria foi para a ONG Mestura polo seu traballo na orientación e acompañamento a persoas en risco de exclusión; e o recoñecemento ao mellor proxecto recibiuno a Fundación Juan Soñador, por transmitir á mocidade o valor do voluntariado desde distintos eidos.